Xbox e AMD unen forzas para a vindeira xeración de consolas

martes, 17 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Microsoft e AMD veñen de anunciar unha colaboración estratéxica a longo prazo para desenvolver conxuntamente o hardware que dará vida ás futuras consolas Xbox. Esta alianza céntrase no deseño de chips personalizados que mellorarán significativamente a experiencia dos xogadores, tanto a nivel visual como funcional.
Segundo o vídeo publicado pola canle oficial de Xbox, o obxectivo é crear unha plataforma tecnolóxica que ofreza unha calidade visual superior (con gráficos máis detallados e fluídos), unha xogabilidade máis inmersiva (aproveitando a potencia dos novos procesadores) e experiencias impulsadas por intelixencia artificial (permitindo interaccións máis dinámicas e adaptativas dentro dos xogos).
Un dos puntos máis destacados no anuncio realizado pola presidenta de Xbox, Sarah Bond, é que todo este avance manterá a compatibilidade cos xogos actuais de Xbox, o que garante que a transición á vindeira xeración será suave para os usuarios actuais. Amais, deixouse entrever que esta tecnoloxía tamén poderá formar parte doutras familias de dispositivos no ecosistema Microsoft.
Esta asociación entre dúas das compañías máis influentes no mundo do hardware e o entretemento dixital promete revolucionar o xeito no que xogamos e interactuamos cos videoxogos nos vindeiros anos, aínda que o máis importante do anuncio realizado hoxe é a confirmación de que Microsoft non deixará o mercado das consolas de videoxogos, e continuará a construír un ecosistema de xogos que resulte atractivo para os usuarios.

Vídeo no que Sarah Bond anuncia a renovación da colaboración entre Microsoft e AMD