Xa temos aplicación para compartir queixas e parabéns arredor do uso da lingua: A Liña do Galego
mércores, 6 de xullo do 2016
A partir de agora teremos
máis comunidade e máis tecnoloxía para visualizar os apoios ao
galego e tamén as (por desgraza moitas) discriminacións á lingua.
Así
nolo fixeron saber hoxe os coordinadores de A Mesa pola Normalización
Lingüística, no Espazo Enocultural Vide Vide! de Santiago, lugar
elixido para a presentación da aplicación A Liña do Galego
para dispositivos con sistemas Android e iOS, un servizo da Mesa que
complementa (tecnolóxica e socialmente) o
número telefónico habilitado (902
106 474) para semellante finalidade: a finalidade
de darmos conta de quen non respecta (administracións, entidades,
empresas, organismos) a lingua e, no outro extremo, quen contribúe a
salvagardala e normalizala.
Segundo fixo saber na
presentación o presidente da Mesa, Marcos Maceira, a aplicación
introducirá un factor importante de eficacia no servizo e, de feito,
fará que os apoios e os ataques acaden máis e mellor visualización.
En consecuencia, engadiu, incrementarase a eficacia á hora de
actuar, tanto dende A Mesa (amosando o posíbel problema e iniciando
os procedementos oportunos de resposta) como dende as propias
institucións e empresas que son obxecto de queixas (co fin de
emendar a súa liña de actividade discriminatoria).
A aplicación, en
palabras de Maceira, ten como finalidade “acelerar e facilitar o
proceso de envío de queixas, parabéns e consultas enviadas á Liña
do Galego”, servizo que a Mesa Pola Normalización Lingüística
vén ofrecendo desde hai case unha década. A raizame deste
desenvolvemento está pois na longa listaxe de ataques contra a
lingua que “temos que sufrir os cidadáns galegos”, que temos un
idioma propio que cómpre normalizar e respectar e que vemos como non
só empresas senón tamén entidades, administracións e corpos
públicos do Estado incumpren de maneira sistemática.
A idea, polo tanto, é
darlle a esta liña de actividade un arroupe extra nos planos social
e tecnolóxico. “Por iso quixemos dar un chimpo e adaptar o servizo
aos móbiles”, comentou Maceira, que debullou o potencial da
ferramenta amosando uns cantos exemplos de posíbel uso, tanto en
positivo (cando queremos salientar que un restaurante ofrece
comunicación e información en galego aos clientes, cando unha
operadora de telecomunicacións nos atende na nosa lingua) como en
negativo (cando un axente policial nos esixe que non lle falemos en
galego, cando un concello non contribúe á normalización nos seus
comunicados, cando unha entidade usa topónimos deturpados, etc).
O presidente da Mesa
lembrou tamén que para o deseño, desenvolvemento e posta en marcha
desta aplicación non se contou con apoio institucional, “só o
respaldo dalgúns concellos, poucos, que colaboran decote connosco
neste tipo de experiencias”. Tamén recordou que a ferramenta non
sería posíbel sen o apoio dos membros e socios da Mesa, “que coas
súas achegas fixeron realidade o lanzamento deste servizo”.
Asemade, salientou a
colaboración do Espazo Enocultural Vide Vide! (“un exemplo de
normalización”, dixo) e máis da empresa local Imaxin, que foi a
responsábel de dar forma ao novo aplicativo móbil. Para dala a
coñecer nos seus aspectos máis técnicos participou na presentación
Luz Castro, directora da área de desenvolvemento de xogos educativos
e produtos multimedia de Imaxin. Castro comezou a súa intervención
lembrando que a ferramenta está dispoñíbel para Android e iOS,
abordando a continuación o funcionamento da mesma e de como darmos
conta perante a comunidade de posíbeis casos concretos de apoio ou
discriminación. Recordou que inclúe funcionalidades de
xeolocalización, que podemos anexar fotografías dos emprazamentos
valorados e que tamén incorpora unha sección informativa de novas
que nos servirá de apoio comunicativo con respecto aos usuarios e á
Mesa.