Xa hai máis de 5,5 millóns de fogares conectados en España, segundo Red.es

luns, 16 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Vén de saír a 13ª edición da investigación sobre a Rede nos fogares españois que leva a cabo o Observatorio das Telecomunicacións e a Sociedade da Información de Red.es e, entre os moitos datos que achega (algúns máis interesantes ca outros, dende logo) este estudo (témolo aquí, en pdf), cómpre salientar o seguinte: España conta xa con máis de 5,5 millóns de fogares conectados a Internet, o que constitúe un incremento do 13,1% con respecto ó período anterior. Desta maneira, pódese dicir que na actualidade o 60,3% das persoas que acceden á Rede no país fano dende o seu propio domicilio, case dez puntos porcentuais máis ca en setembro de 2004. O traballo é o segundo gran espazo de conexión, cun 36,5% de porcentaxe. Pola contra, ceden terreo sobre maneira os centros de acceso público, as bibliotecas e os ciber cafés.
En consecuencia, o estudo de Red.es tamén achega datos de interese sobre o incremento do gasto en novas tecnoloxías da información nos fogares, que se sitúa en 2.974 millóns de euros, sendo o desembolso do acceso a Internet de 384 millóns de euros, un 12,9 % do gasto total en TIC.
Porén, sinala o informe, a telefonía móbil segue sendo a tecnoloxía estrela, chegando ós 1.340 millóns de euros, o 45% do total. Asemade, tamén hai información sobre o número de cidadáns que se ten conectado algunha vez á Rede (18,6 millóns), sobre o gasto medio por acceder a Internet (27 euros) e sobre a opinión máis ou menos xeralizada que se ten en España sobre a suposta complexidade das novas tecnoloxías (nove de cada dez usuarios da Rede opinan que navegar é doado ou moi doado).

PUBLICIDADE