Xa están aquí o Surface Laptop 3 e o Surface Pro 7

martes, 22 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Comezamos o mes con Microsoft presentando os seus novos produtos da familia Surface, e a partires de hoxe poden adquirirse en España os Surface Laptop 3 e Surface Pro 7, partindo o Surface Laptop 3 dun prezo de 1.149 euros (para o seu modelo con pantalla de 13,5 polgadas, procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento), mentres que o prezo de saída do Surface Pro 7 é de 899 euros (para o modelo con procesador Intel Core i3, 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento).
O novo Surface Laptop 3 busca ser o portátil perfecto para o día a día, que conta agora co procesadores Intel de 10ª xeración, ofrecendo un rendemento até un 50% superior ao da xeración anterior, aínda que o detalle máis salientable é que chega ofrecendo dous tamaños de pantalla (13,5 ou 15 polgadas) e dous acabados (tecido Alcantara ou aluminio pulido en cor negro mate). Desta volta o tamaño dos equipos supón importantes cambios en potencial, xa que a versión con pantalla de 13,5 polgadas está equipada con procesadores Intel Core i5 ou i7 de 10ª xeración apoiado por unha gráfica Intel Iris Plus, mentres que a versión con pantalla de 15 polgadas opta por un procesador AMD Ryzen 5 ou 7 con gráfica Radeon Vega 9 ou RX Vega 11, o que supón un importante salto a nivel de potencia gráfica, o que agradecerán especialmente os amantes dos videoxogos.
Pola súa banda o Surface Pro 7 é o dispositivo 2 en 1 máis versátil do mercado, agora con procesadores Intel Core de 10ª xeración (o que supón un incremento de potencia de até o 50%), portos USB-A e USB-C e unha autonomía de até unha xornada completa (até 10,5 horas de uso típico segundo o fabricante). A incorporación dun porto USB-C é un cambio moi importante neste equipo que, aínda que continúa a manter o seu porto magnético Surface Connect, agora pode cargarse tamén por USB-C, á vez que tamén pode aproveitar moitas das posibilidades de expansión dos portos USB-C (aínda que, por desgraza, non inclúe Thunderbolt 3). Estamos principalmente ante unha actualización continuista dun equipo que gañou a pulso a súa posición no mercado como referente entre os ordenadores en formato tableta.

PUBLICIDADE