Xa está dispoñíbel o podcast da nova entrega de Atribo.gal

venres, 22 de maio do 2020 S. P.

A comunicación online galega deu este mes de maio un relevante paso adiante. E fíxoo da man de A A Tribo Radio, unha nova experiencia de radio galega online que se estreou oficialmente o día 8 deste mes (co programa número 0) e cuxos podcasts están xa dispoñíbeis na web atribo.gal e tamén nas redes iVoox, Facebook e Twitter. A Tribo Radio, unha proposta xurdida do contexto de crise sanitaria para buscar novas formas de combatela con creatividade, contidos e compromiso social, achegou o pasado venres a súa entrega número 1: un novo capítulo de reflexión e debate que xirou, desta volta, arredor das desigualdades sociais e os xeitos de combatelas.
O novo podcast, de algo máis dunha hora de duración e co fío temático da Renda Básica Universal, pódese escoitar xa nas devanditas canles dixitais.
No programa interveñen o profesor da Facultade de Económicas da USC, Adrián Dios; o educador social e membro do Colectivo Cidadáns pola RBU, Rodri Gil; Javier Pérez, activista da Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social; e Eva López, técnica de Servizos Sociais Comunitarios. Tamén se inclúen varias testemuñas tiradas do documental (aínda por estrear) A vivenda un ben social?; un proxecto audiovisual producido polo Colexio de Traballo Social de Galicia e realizado por Sagrario Fernández e Xosé Bocixa.
No podcast pódense escoitar tamén as colaboracións de Julia Vázquez, veciña de Anxeriz; e das expatriadas Ana González, María Novas e Martín Loureiro; así como as voces de Marga Quintela, Rochi Nóvoa, José Manuel Menéndez, Sandra, Isa, Anima e Sebas Anxo.

PUBLICIDADE