Xa está á venda Deus Ex: Human Revolution

venres, 26 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas españolas o agardado xogo Deus Ex: Human Revolution, regreso dunha saga que ofrece unha experiencia de xogo sen precedentes que leva a moitos a considerar a este título como un firme candidato a ser o xogo do ano (consideración que deron ao xogo orixinal en 2000 os premios BAFTA e as publicacións GameSpy e PC Gamer), e que chega en versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC completamente traducido ao español.
Esta nova entrega da saga sitúase 25 anos antes da historia orixinal, e permite tomar o papel do especialista en seguridade privada Adam Jensen que ten que protexer os intereses dunha das maiores corporacións biotecnolóxicas, e ao que aplican implantes biomecánicos tras un ataque ás instalacións da súa compañía, o que desencadea unha busca das causas do ataque que o levan a descubrir unha conspiración global e as súas decisións incidirán no destino da humanidade.
O xogo combina acción e rol (mestura combate, sixilo, piratería informática e mecánica de xogo social), conta cun completo arsenal de armas, goza dunha grande diversidade de inimigos (entre os que destacan os seus épicos xefes finais) e desenvólvese nun mundo aberto que permite resolver cada desafío de distintos xeitos.

Adam Jensen descubrirá unha conspiración global na nova entrega de Deus Ex
O xogo é unha mestura de acción e rol
Jensen contará con multitude de armamento para derrotar aos distintos inimigos que aparecen no xogo