XSplit VCam permite eliminar o fondo captado por cámaras web

venres, 16 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A retransmisión de partidas de videoxogos en directo a través da Internet tende a estar acompañada cunha imaxe do xogador capturada por unha cámara web, que en moitos casos queren manter certa intimidade e non amosar o seu contorno físico ou, simplemente queren dotar ao vídeo de certa espectacularidade, para o que en moitas ocasións colocaban detrás fondos verdes para poder aplicar un efecto de chroma e poder substituír o fondo por escenarios ou vídeos, pero a última versión de XSplit VCam fai isto aínda máis doado, xa que a aplicación detecta o fondo sen necesidade de pantallas verdes e permite borrar o fondo, substituílo por outro contido ou incluso desenfocalo, conseguindo así unhas retransmisións máis coidadas e sen apenas consumir recursos do ordenador.
Polo momento XSplit VCam é unha ferramenta exclusiva en acceso anticipado para usuarios Premium de XSplit, e segundo a resposta que reciba decidirán se amplían a utilidade a calquera usuario.
Dende XSplit consideran que esta ferramenta pode resultar útil non só para streamers de videoxogos que queiran realizar retransmisións de maior calidade, senón tamén para outros creadores de contidos como youtubeiros ou podcasteiros, que poden aproveitar as prestacións da VCam para mellorar as súas gravacións dun xeito económico.

PUBLICIDADE