XRAI comercializa unhas lentes que subtitulan a realidade

martes, 18 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Para usuarios de realidade aumentada hai tempo que existe unha aplicación chamada XRAI Glass que basicamente consiste nun subtitulador da realidade, xa que recoñece o que se di e o amosa como texto (incluso aplicando tradución automática cando é preciso), e para seguir avanzando neste ámbito anuncian agora unhas lentes de realidade aumentada de seu, as XRAI AR One, que son unha grande aposta pola comodidade, xa que destacan pola súa lixeireza e polo seu deseño sen fíos, así como por apostar por cristais transparentes, de xeito que mentres se len os subtítulos pode manterse a conexión co contorno (podendo engadirse un acople escuro para facilitar o uso en exteriores).
Concretamente as lentes XRAI AR One funcionan cun procesador Qualcomm Snapdragon Wear 4100, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento e Android 11 Go, contan con conectividade Bluetooth 4.2 e Wi-Fi a 2,4 GHz; a súa batería de 400 mAh achega até 1 hora de uso sen cables (podendo conectarse unha batería externa en calquera momento), integra micrófonos que prometer ser capaces de recoñecer o que se di até 2 metros de distancia cunha precisión superior ao 95% (grazas a tecnoloxía de cancelación de ruído) e cun peso de só 79 gramos.
A grande sorpresa deste produto é o seu prezo, que é de 1.449 euros, que sería o prezo a pagar porque este sistema funcione sen fíos, o que parece demasiado esaxerado, xa que a aplicación na que se basean estas lentes funciona en lentes con cable moito máis económicas (que incluso poden atoparse por menos de 300 euros).