XGN R Encounter achanda o camiño para ser a segunda party estatal máis relevante

luns, 14 de outubro do 2019 Redacción

A nova edición de XGN R Encounter, a celebrada esta fin de semana (a décimo novena edición) pasará á historia polo importante nivel de satisfacción mostrado, en materia de calidade e servizo, por parte dos 932 participantes na xuntanza informática xuvenil celebrada na Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda. Asemade, a organización de evento salientou o número obtido de persoas inscritas (123 participantes máis que o ano pasado, máis dun 15% de incremento) e os fitos logrados en conexión (unha velocidade de conexión a Internet que duplicou a da edición anterior, pasando de de 10 a 20 Gbps) e en cantidade e variedade de actividades para participantes e visitantes. Por estes e outros motivos, destacaron os impulsores da quedada, avanzouse un pouco máis “no camiño de converter XGN R Encounter na segunda LAN party máis grande de España, por detrás da Euskal Encounter”.
En palabras de Ricardo Durán, o director xeral da Fundación Semana Verde, “as melloras introducidas na pasada edición, que buscaban incrementar o confort dos participantes, xunto á optimización da rede técnica, que permitiu duplicar a velocidade de conexión a Internet, de 10 a 20 Gbps, grazas á tecnoloxía de R, marcan o camiño para seguir, ao que cómpre engadir o alto grao de satisfacción dos participantes, segundo se desprende das primeiras valoracións recollidas”.
A Feira de Galicia contou de novo con R como colaboradora e patrocinadora e tamén co respaldo da Consellería de Política Social, impulsora do evento. Finalmente, foron 932 os participantes neste evento, que tamén contou con miles de visitantes á Extranet, a zona aberta ao público que ofreceu actividades lúdicas e formativas, de balde, a quen se achegou ao recinto de Silleda (Pontevedra); preto de 2.000 persoas pasaron polo recinto para gozar das experiencias de realidade virtual, conferencias, xogos, exhibicións, talleres formativos e exposicións.
Os organizadores tamén destacaron “a altísima participación dos inscritos nas máis de 70 actividades”. En concreto, “resultou rechamante a calidade dos traballos presentados en arte dixital, o interese polas zonas de impresión 3D e realidade virtual e a asistencia ás conferencias e obradoiros formativos”. Entre estes últimos tiveron especial protagonistmo os talleres Crea R de robótica, financiados pola Fundación Euskaltel e dentro do plan Digitalent da AMTEGA, onde as nenas e nenos puideron iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos. R tamén organizou durante o evento charlas dedicadas ás empresas, nas que, por exemplo, un experto en redes sociais ofreceu pautas e consellos ás PEME para “comunicar ben na internet” ou un emprendedor socio tecnolóxico de R expuxo como sacou adiante a súa aventura empresarial.
A idade media dos participantes foi de 28 anos, moitos deles son profesionais que acoden á XGN R Encounter como punto de encontro para intercambiar coñecementos e realizar contactos. En canto á súa procedencia, os rexistrados chegaron dende 23 provincias. A gran maioría deles son galegos, pero tamén acudiu un bo número desde Madrid e Asturias, e en menor medida, dende provincias como Toledo, Bizkaia, Cantabria, Burgos, Valladolid, Navarra, Barcelona, Sevilla, Córdoba, Málaga, Murcia e Baleares.
A Extranet contou tamén con varios espazos adicados á Realidade Virtual que centraron boa parte do interese dos participantes e visitantes do evento, que puideron gozar da hiperrealidade, na que o usuario experimenta unha inmersión absoluta e interactúa co xogo co seu propio movemento.
A XGN R Encounter está vinculada á rede de Encounters de Euskaltel que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai máis de 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, e a Araba Encounter, e na que tamén está integrada a Technium R Encounter (Ourense).

PUBLICIDADE