Wren integra AirPlay, Play-Fi e Bluetooth nuns altofalantes de grande calidade

xoves, 30 de abril do 2015 Marcus Fernández

Botoneira dos altofalantes

Actualmente para escoitar música no fogar perderon o seu lugar as antes célebres cadeas musicais, e agora a solución máis axeitada son os altofalantes con conectividade sen fíos, para poder reproducir música dende os nosos dispositivos móbiles e equipos informáticos, entre os que destaca o novo Wren V5US, que sería o primeiro produto deste tipo en integrar conectividade AirPlay de Apple, Play-FITM DTS e Bluetooth aptX, ou sexa, que podería recibir son de dispositivos con iOS, con Android e incluso ordenadores, gozando sempre dunha excelente fidelidade sonora.
Estamos ante un altofalante que combina tecnoloxías de streaming sen perda de calidade cunha alta conectividade, de xeito que funciona con practicamente todo canto trebello conectado teñamos, sendo incluso compatible con servizos de streaming en liña como Spotify, Songza ou Deezer, polo que resulta moi versátil, de xeito que o seu principal atranco sería o seu prezo, xa que custa 499 dólares (443,88 euros). Para quen non teña problemas de orzamento pode resultar axeitado empregar varios altofalantes desta marca no seu fogar, xa que é posible configuralos tanto para reproducir a mesma música en toda a casa, como para crear distintas ambientacións musicais segundo a zona na que estea situado o altofalante.

PUBLICIDADE