World of Warcraft volve superar os 10 millóns de subscritores

xoves, 20 de novembro do 2014 Marcus Fernández

O pasado día 13 saíu á venda a expansión de World of Warcraft titulada Warlords of Draenor, que inclúe o novo continente de Draenor (con 7 zonas e unha zona de xogador contra xogador) e novos alxubes, xefes, modos de desafío, xestas, talentos de clase, modelos de personaxe... que parece ser o sopro de aire fresco que o xogo multiusuario masivo en liña precisaba para volver aos seus bos tempos, xa que as máis de 3,3 millóns de copias que vendeu a súa quinta expansión impulsou o número de subscritores do xogo a nivel mundial para volver superar os 10 millóns, deixando claro que todos os xogos que se lanzaron nos últimos anos para quitarlle a coroa terán que seguir a confirmarse coas migallas.
Esta expansión sitúa o nivel dos usuarios nun novo límita (100), que estes días están perseguindo millóns de xogadores de todo o mundo, á vez que descobren as moitas novidades que incorpora o xogo que pode mercarse na súa edición estándar (en soporte físico ou dixital) por 44,99 euros e nunha edición dixital de luxo (que inclúe numerosos contidos adicionais) por 59,99 euros. Tamén pode atoparse nas tendas unha Collector’s Edition a un prezo de 79,99 euros que inclúe os contidos da edición dixital de luxo xunto cun libro de ilustracións a toda cor e de tapa dura, un par de discos con contido adicional, un CD coa banda sonora orixinal e unha alfombriña de rato do xogo.

PUBLICIDADE