World of Warcraft chega aos 12 millóns de subscritores

xoves, 7 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Blizzard Entertainment anunciou que a base de subscritores de World of Warcraft, o xogo masivo en liña máis popular a nivel mundial, superou os 12 millóns de xogadores, o que conseguiron en boa medida tras o lanzamento en China da segunda expansión do xogo, Wrath of the Lich King. Esta franquía de éxito estreará o vindeiro 7 de decembro unha nova expansión, Cataclysm, de xeito que aínda podería mellorar máis o seu volume de subscritores, que pagan entre 10,99 e 12,99 euros/mes (segundo o período contratado) o que converte ao World of Warcraft no título que máis factura ano tras ano, superando a calquera xogo de videoconsola.
De todos os xeitos, o crecemento de World of Warcraft parece estar estancado, pois en decembro de 2008 xa sumaba 11,5 millóns de subscritores, custándolle 22 meses sumar o seu último medio millón.

PUBLICIDADE