Withings volve cun reloxo deportivo

martes, 18 de setembro do 2018 Marcus Fernández

En 2016 Nokia pagou 170 millóns de euros para facerse coa compañía francesa Withings, especializada en trebellos de saúde conectados, pero a absorción da marca non resultou tan beneficiosa como se esperaba, polo que un dos fundadores de Withings, Eric Carreel, recomprou a empresa antes do verán, de xeito que o seu novo smartwatch xa chega fóra do paraugas de Nokia Health.
O novo produto de Withings é o smartwatch Steel HR Sport, que como xa dá a entender o seu nome, trátase dun reloxo de pulso conectado e multi-deporte, con sensor cardíaco, que presume dun deseño premium nunha caixa de 40 milímetros de aceiro inoxidable de 316L e resistencia á auga (até 5 atmosferas). Este accesorio véndese xa por 199,95 euros con esfera en cor branca ou negra e coa posibilidade de engadirlle correas de silicona e coiro que custan 29,95 e 49,95 euros respectivamente.
O reloxo de Withings é bastante curioso, xa que presenta unha esfera analóxica tradicional que integra un par de complicacións, de xeito que, aparte da hora actual, tamén podemos ver a porcentaxe da actividade diaria marcada como obxectivo e información adicional (como pasos, calorías, distancia ou ritmo cardíaco). O Steel HR Sport pode conectarse ao noso smartphone con iOS ou Android, dende o que podemos configurar os nosos obxectivos a través da aplicación Health Mate.
O Steel HR Sport pode rexistrar a nosa actividade en máis de 30 deportes, gardando así tanto a duración dos adestramentos como a súa intensidade (grazas en boa medida ao monitor de ritmo cardíaco). O reloxo, ao conectalo co smartphone, tamén permite rexistrar a posición GPS, o que resulta moi práctico para analizar cando imos camiñar, correr ou andar en bicicleta, quedando os traxectos asociados ao mapa (sen esquecer detalles como a elevación á hora de analizar os adestramentos).
Un dos detalles máis salientables do novo reloxo é a súa autonomía, que chega até os 25 días, pero que poden incrementarse até 20 días máis no modo de aforro de enerxía. Ao durar varios días a autonomía, o reloxo pode aproveitarse para analizar o sono do usuario, así como tamén pode empregarse a xeito de espertador silencioso (mediante vibración). Durante o día o reloxo tamén pode aproveitarse para recibir notificacións do móbil, que amosaranse na súa pequena esfera dixital, e que en modelos anteriores limitábase a chamadas, mensaxes de texto e eventos, pero que agora ábrese a practicamente calquera notificación, de xeito que poderemos saber das mesmas sen ter que sacar o teléfono do peto.

Vídeo promocional do novo smartwatch deportivo de Withings

PUBLICIDADE