WipEout rexorde en PlayStation 4

luns, 22 de maio do 2017 Marcus Fernández

No ano 1995 deixou unha profunda pegada o xogo de velocidade WipEout, que converteuse nunha das series de referencia para consolas PlayStation, destacando polo seu ritmo frenético e pola súa música electrónica (con temas de formacións tan coñecidas como The Chemical Brothers ou Orbital), non sendo poucos os xogadores que botaban en falta esta franquía na presente xeración de consolas, rematando a súa espera o vindeiro día 7, cando finalmente sairá á venda WipEout Omega Collection para PlayStation 4.
Este novo xogo de carreiras antigravitatorias estará dispoñible tanto en formato físico (con caixa metálica) como en dixital, estando xa aberta a súa reserva, ofrecendo 26 circuítos reversibles, 46 naves únicas e 9 modos de xogo con todo o contido de WipEout HD Fury e WipEout 2048. Poderemos competir en carreiras en liña de oito xogadores ou en partidas clásicas de 2 xogadores en pantalla dividida; a banda sonora tamén está renovada (co temas de Swedish House Mafia, The Prodigy, The Chemical Brothers e DJ Kentaro); e, como grande novidade, o xogo está optimizado para poder tirar proveito das prestacións da PlayStation 4 Pro, ofrecendo así uns mellores gráficos (até 4K con HDR) e unha maior sensación de velocidade (até 60 imaxes por segundo).

JPEG - 159.2 KB
O xogo contará tamén cunha edición en formato físico con caixa metálica

PUBLICIDADE