WipEout HD podería provocar ataques epilépticos

venres, 26 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O xogo para PlayStation 3 WipEout HD finalmente saíu onte como se tiña anunciado tras numerosos retrasos que segundo os rumores sen confirmar (nin desmentir) por Sony se debería a que o xogo non pasaba as probas de epilepsia, o que o faría perigoso para certos usuarios (os o colorido e os rápidos movementos poderían provocar episodios de epilepsia fotosensible).

Advertencia que se pode ver antes de xogar a WipEout HD

Sony xustificaba oficialmente que o retraso no lanzamento do xogo pola incorporación de novas características coma 8 pistas inversas, 4 naves adicionais, 2 HUDS alternativos, modo offline para 2 xogadores en pantalla partida e trofeos, pero agora que o xogo xa está dispoñible para a súa descarga o feito de que apareza unha advertencia ao iniciarse o xogo deixa claro que os problemas coa epilepsia non se puideron solucionar (posiblemente porque sexa imposible nun xogo destas características, especialmente ao xogarse en alta definición).
A mensaxe que aparece no xogo insta ao xogador a utilizar o xogo nun contorno ben iluminado, descansando un mínimo de 15 minutos cada hora e deixando de xogar de experimentar «mareos, náuseas, fatiga ou dor de cabeza», advertindo que se poden producir episodios epilépticos e instando a consultar ao médico no caso de padecer epilepsia.
O certo é que os riscos de epilepsia existen para case calquera videoxogo ou incluso vendo a televisión, pero certo tipo de imaxes son máis propensas a causar ataques, polo que as advertencias non están de máis en xogos coma WipEout HD (lembremos que incluso se advirte do mesmo fenómeno nalgunhas proxeccións cinematográficas).

PUBLICIDADE