Wimbag, un produto galego para localizar equipaxes perdidas

luns, 14 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Á hora de viaxar principalmente en avión unha das grandes preocupacións é a equipaxe, especialmente se levamos cousas de valor na mesma, e para tranquilizar aos pasaxeiros está a xestarse un proxecto por parte dos galegos Santiago Álvarez e Lucía Taboada, que no mes de decembro pretende financiarse a través da fórmula do micromecenado na plataforma Indiegogo. Esta iniciativa busca facer realidade como produto comercial Wimbag, un pequeno dispositivo localizador que pode introducirse na nosa maleta para facilitar a súa localización no caso de extravío. Deste xeito, no caso de perder a maleta, pódese recorrer a unha sinxela e áxil aplicación móbil para poder localizar a equipaxe, aínda que este sistema será un chisco máis sofisticado, incluíndo alerta de apertura non autorizada ou por afastamento mediante Bluetooth 4.0 (advertíndonos así de posibles roubos), desconectándose de xeito automático durante o voo, caracterizándose por un baixo consumo (avisando mediante unha notificación cando a súa batería baixe do 10%) e cunha característica especialmente interesante: integración cos sistemas de equipaxes perdidas das principais aeroliñas. Esta última prestación sería a que diferenciaría este produto de solucións semellantes como Trakdot Luggage (produto orientado principalmente ao mercado norteamericano).
Este trebello de 80 x 60 x 15 milímetros e 100 gramos de peso non emprega GPS, senón que establece a localización mediante as redes móbiles, o que é máis que suficiente para saber se a equipaxe foi parar ao aeroporto correspondente, recibíndose de xeito automático unha notificación (indicando a posición ) despois de aterrar, sendo posible consultar a posición en tempo real a cada momento.
Aínda que faltan meses para que a campaña de microfinanciamento vexa a luz, este proxecto xa está a promocionarse a través de Facebook, Twitter e LinkedIn, e incluso están a preparar presenza en Instagram, procurando así facilitar o proceso de captación de fondos que levarán ao produto a converterse en realidade.

PUBLICIDADE