WhatsApp tamén pecha contas do PP e do PSOE en plena campaña electoral

xoves, 25 de abril do 2019 Marcus Fernández

O peche da conta de WhatsApp de Podemos en plena campaña electoral está a provocar danos colaterais noutras formacións políticas, xa que ante as denuncias da formación de Pablo Iglesias de que Facebook estaba a discriminalos, puxeron baixo a lupa a actividade do PSOE e do PP, e tamén cancelaron varios dos seus números de teléfono en WhatsApp por incumprir as normas do servizo.
Aseguran que Podemos xa recibiu unha comunicación advertindo de que están en proceso de restauración das súas contas en WhatsApp, o que tamén podería acontecer en breve coas contas afectadas do resto de partidos, dando a impresión de que Facebook reaccionou de xeito defensivo ante as denuncias de intervención nunha campaña electoral.
Dende os partidos políticos afectados polo peche de contas de WhatsApp continúan sen estar claros os motivos polos que se realizaron tales accións, xa que WhatsApp non detalla as condicións do servizo que se incumpriron, dando a entender que ou os partidos cometeron fallos moi básicos ou as actuacións de WhatsApp son moi arbitrarias, non existindo uns protocolos claros para coñecerse o que está permitido e o que non.
Entre os posibles incumprimentos das normas do servizo poden estar o emprego de contas de WhatsApp estándar en vez de WhatsApp Business, o envío masivo de mensaxes (máis de 20 por segundo), o envío de comunicacións non solicitadas (ou sexa, sen autorización) ou incluso o envío de ligazóns que non se correspondan co contido ao que fai referencia a mensaxe (considerándose phishing). O envío dunha mesma mensaxe a moitos destinatarios tamén pode detectase como spam, pero o que si parece claro é que, aínda que WhatsApp sexa unha canle de comunicación moi directa, a plataforma aínda non está madura para as comunicacións políticas.

PUBLICIDADE