WhatsApp prepara Comunidades e novidades para os grupos
luns, 18 de abril do 2022
Os grupos de WhatsApp poden resultar bastante caóticos, e
por iso están
a preparar unha nova función chamada Comunidades coa que as persoas poden
xuntarse en grupos mantendo unha estrutura de acordo coas necesidades de cada
caso. Deste xeito, as persoas poderán recibir as actualizacións enviadas a toda
a Comunidade e organizar facilmente grupos de discusión máis pequenos para
falar do que é relevante especificamente para ese grupo de persoas.
A función de Comunidades tamén contará con novas e potentes ferramentas para os
administradores, como enviar mensaxes de anuncios aos membros de todos os
grupos ou asignar a que grupo se lle compartirá a información. Por exemplo, o
director dun colexio poderá empregar as Comunidades para compartir as
actualizacións máis importantes con todos os pais de familia e crear grupos
separados para aulas específicas, actividades extraescolares ou necesidades de
voluntariado.
Novidades para os grupos
Tamén están a realizar melloras no funcionamento dos grupos en WhatsApp, como a posibilidade de reaccionar a mensaxes mediante emoticonas (para evitar que as conversas grupais se inunden de mensaxes innecesarias), os administradores dos grupos poderán eliminar as mensaxes que consideren problemáticas, será posible compartir arquivos de até 2 GB para que as persoas poidan colaborar facilmente en proxectos e tamén será posible establecer chamadas de voz con até 32 persoas.