WhatsApp adía o cambio das súas condicións de uso

venres, 15 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Hai algo máis dunha semana WhatsApp alertou aos seus usuarios de cambios nas súas condicións de uso que, aínda que non afectaban aos cidadáns europeos, causou grande preocupación, xa que daba a entender que había que aceptar que Facebook puidese empregar os nosos datos de WhatsApp para poder continuar a empregar a aplicación. WhatsApp poñía como data límite para aceptar as súas normas o 8 de febreiro, dando a entender que era algo inminente, o que provocou que moitos usuarios se animasen a empregar servizos alternativos como Signal ou Telegram (precisamente Telegram recoñeceu ter recibido máis de 25 millóns de novos usuarios nos últimos días) e, para evitar que esta sangría de usuarios vaia a máis, e tranquilizar aos usuarios, veñen de anunciar que os cambios nas condicións de WhatsApp van a adiarse.
Dende WhatsApp lembran que as comunicacións entre particulares na súa plataforma están cifradas de extremo a extremo, ou sexa, que só os interlocutores poden acceder ás mesmas, algo que non mudará coas novas condicións, e consideran que boa parte da preocupación que manifestaron os seus usuarios nace da desinformación contra a que queren loitar sendo máis claros ao comunicar o que fan cos datos dos usuarios.
Nas vindeiras semanas tomarán medidas para clarexar a desinformación sobre as súas novas condicións, para que os usuarios entendan como funcionan realmente a privacidade e a seguridade en WhatsApp, para logo pedir gradualmente aos usuarios que revisen ao seu ritmo a nova política de uso atés de que se activen novas opcións para empresas o vindeiro 15 de maio.

PUBLICIDADE