Warner Bros ofrecerá descargas legais de películas en China

mércores, 5 de novembro do 2008 Raquel Noya

Malia que o goberno chinés asegura estar a tomar medidas contra a piratería do cine no seu país, o certo é que a industria de Hollywood segue a queixarse argumentando que “non abondan” e que o consumo de películas pirateadas lle fai perder ao ano miles de millóns de dólares só no país asiático.
Mentres as autoridades chinesas responsables intentan convencer aos seus habitantes de que non merquen falsificacións na rúa, o presidente do grupo Warner Bros Enterntainment vén de anunciar que a súa compañía “vai distribuir filmes liberados recentemente en liña” para evitar que a xente compre DVD piratas e vexa as películas de xeito legal nas súas casas.
Deste xeito, os usuarios de Internet en China, poderían alugar e ver as emisións en liña por menos dun dólar, tal e como vén de informar o xornal dixital Los Angeles Times.
O baixo coste destes vídeos “á carta” pretende atraer aos máis de 253 millóns de internautas do país, que só terán que pagar a tarifa establecida por Warner Bross en lugar de descargar os films ilegalmente ou mercalos directamente no “top manta”.
Segundo vén de afirmar o presidente do grupo Warner Bros Entertainment, Kevin Tsujihara, “a distribución dixital é unha oportunidade para resolver o problema de China” e reducir as perdas de ventas potenciais polos discos piratas, que en 2005 ascendían a 2,7 millóns de dólares.
Outra empresa que quere dar unha oportunidade a Hollywood para patearlle o cu aos piratas é Voole, unha compañía que adquiriu os dereitos de distribución de Warner e Sony Pictures Television Internacional para lanzar un servizo de suscripción en liña do que aínda non se saben as características que terá.
O caso é que os Observadores de Industria están a notar un cambio no mercado chino e na actitude dos seus consumidores dende a celebración dos xogos olímpicos de Pekín e aseguran que moitos dos populares sitios pirata, como Xunlei, “están a traballar para rematar cos contidos ilegais e substituílos por contidos con licenza”.

PUBLICIDADE