Warner Bros. estreará simultaneamente as súas películas de 2021 en cine e HBO Max

venres, 4 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Nun par de semanas o filme Wonder Woman 1984 chegará aos cines españois como consecuencia da ausencia de HBO Max no noso territorio, xa que nos EE.UU. a estrea terá lugar unha semana despois de xeito simultáneo na plataforma de vídeo baixo demanda e en salas cinematográficas, iniciando unha nova fórmula de explotación audiovisual que podería supor un antes e un despois.
Podiamos pensar que esta estrea era un experimento na liña do que fixo Disney+ con Mulán (que hoxe mesmo incorporouse ao seu catálogo xeral) pero Warner Bros. confirma que estamos só ante o inicio dun modelo de distribución híbrida e innovadora que manterase durante todo 2021.
A Warner anunciou que as súas estreas cinematográficas do ano que vén estarán dispoñibles en 4K con HDR a través de HBO Max dende o primeiro día, dicindo adeus ás tradicionais fiestras de protección, e pretendendo así captar subscritores ás súa plataforma dixital emerxente. Entre os filmes programados para 2021 estarían títulos como Tom & Jerry (prevista para o 5 de marzo), Godzilla vs. Kong (21 de maio), Mortal Kombat (15 de xaneiro), The Conjuring: The Devil Made Me Do It (4 de xuño), Space Jam: A New Legacy (16 de xullo), The Suicide Squad (6 de agosto), Dune (1 de outubro) ou Matrix 4 (22 de decembro), producións con orzamentos moi elevados que non poderían recuperarse nunha estrea cinematográfica en salas comerciais con capacidades limitadas pola situación sanitaria, de aí que opten por HBO Max como fórmula para mellorar os seus ingresos e tamén facilitar que os espectadores que están en zonas onde as salas cinematográficas están pechadas teñan a oportunidade de gozar das grandes estreas.
Polo momento falamos dunha estratexia a 12 meses, tempo no que contan con facer 17 grandes estreas, sendo a grande incógnita o que acontecerá unha vez superada a pandemia, xa que a creación do hábito de ver estreas cinematográficas no fogar podería callar nos consumidores, de aí que as grandes cadeas de cines se opoñan claramente a esta estratexia da Warner, xa que ven ameazado o seu futuro.

Vídeo promocional da nova estratexia de estreas da Warner Bros.

HBO en España

Enténdese que a primeiros de 2021 a situación española será como a de decembro, con estreas cinematográficas tradicionais e, posiblemente, unha fiestra de explotación en dixital moi reducida, pero durante a celebración do Web Summit, evento no que participou Andy Forssell, o máximo responsable de HBO Max, realizouse un anuncio de grande impacto: durante a segunda metade de 2021 os servizos de streaming de HBO presentes en Europa transformaranse en HBO Max, o que supón unha grande ampliación do seu catálogo de contidos e, previsiblemente, a adopción da revolucionaria fórmula das estreas simultáneas en cine e streaming.

PUBLICIDADE