Warframe achegará a acción ninja á PS4

xoves, 6 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A semana que vén celebrarase en Los Angeles a feira de videoxogos E3, na que as compañías presentarán moitas das súas armas para a nova xeración de consolas, pero para non asoballar xa van adiantando algúns dos títulos que veremos alí, como Warframe, que será un dos xogos de lanzamento de PlayStation 4 e incluso poderá gozarse do mesmo de balde, segundo veñen de confirmar dende Digital Extremes.
Warframe é unha curiosa proposta que introduce unha especie de ninjas nun contorno espacial no que poder construír unha academia de artes marciais coas amigos para loitar empregando fantásticos poderes.
O xogo terá versión de demostración no E3 para que o público poida comprobar in situ o seu bo comportamento movéndose a 1.080p, que é unha das grandes promesas das novas consolas de videoxogos.
Entre as peculiaridades de Warframe podemos destacar que o xogo fará uso do panel táctil do novo mando DualShock da PS4 para activar so poderes dos personaxes sobre a marcha e, para estar en contacto co xogo en todo momento disporá dunha aplicación para iOS e Android chamada Warframe Nexus que dará conta de misións e recompensas que poden ser do noso interese a través de alertas personalizables.


Trailer de Warframe

PUBLICIDADE