Wacom mestura pantallas e tabletas gráficas na súa familia Cintiq

martes, 10 de xullo do 2012 Marcus Fernández

A tableta gráfica Cintiq 22HD está xa á venda por 1.799,90 euros

Para facilitar o traballo de profesionais do deseño e outras actividades creativas amplían a familia de tabletas Wacom cos pantallas interactivas Cintiq 22HD e Cintiq24HD, que facilitan que artistas e ilustradores poidan traballar directamente sobre a pantalla cun lapis especial.
O Cintiq 24HD touch ofrece un xeito innovador e intuitivo de traballar co ordenador, combinado unha superficie multi-táctil coa posibilidade de utilizar un lapis especial sobre a mesma como se fose un lenzo para pintar, realizar animacións ou incluso esbozar deseños industriais dun xeito natural.
Para aproveitar o potencial desta nova tableta gráfica de Wacom recoméndase empregar aplicacións como o Painter 12.2 de Corel, que permite o uso das características multi-táctiles deste tipo de dispositivos.
O Cintiq 22HD, pola súa contra, optaría só pola experiencia do lapis, esquecendo a parte multi-táctil do seu irmán maior, o que claramente afecta ao seu prezo, que queda en 1.799,90 euros, mentres que o Cintiq 24HD touch custará 2.299,90 euros (tendo que agardar por este último ata o mes de agosto para velo nas tendas).

A tableta Cintiq 24HD touch de Wacom combina o uso do lapis co dos dedos sobre a súa superficie

PUBLICIDADE