Vuzix quere adiantarse ás lentes de Google cunha solución de mans libre con pantalla e cámara

mércores, 14 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Entre os días 8 e 11 de xaneiro no CES de Las Vegas poderase ver en vivo as Vuzix Smart Glasses M100, que adiantándose ás Google Glasses presumen de ser o primeiro sistema de comunicación e pantalla de mans libres que permite acceder a datos do móbil e da Internet en mobilidade, pois este sistema de mans libres, que se comunica por Bluetooth e Wi-Fi con móbiles Android ou iOS, integra unha pequena pantalla e unha cámara de alta definición (720p), adoptando un formato semellante aos sistemas de mans libres tradicionais (en vez de parecer unhas lentes como propón Google).
Esta solución serviría para acceder a aplicacións que faciliten o acceso a texto, vídeo, correo electrónico, mapas e audio, e incluso empregar funcionalidades básicas de realidade aumentada (pois as Smart Glasses integran tecnoloxía de seguimento da cabeza).
A pantalla integrada neste curioso dispositivo tería unha resolucíón de 432x240 píxeles, mentres que o trebello funcionaría cun procesador OMAP4430 a 1 Ghz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento ampliable mediante Micro Flash, botóns de control (acendido, selección e control de volume), sensores de posición (xiroscopio, acelerómetro, compás e magnetómero), batería cunha autonomía de ata 8 horas de conversa, 2 horas de uso de pantalla ou 1 hora de uso de pantalla e cámara á vez, e unha versión optimizada de Android 4.0.

As Vuzix Smart Glasses M100 engadirían pantalla e cámara a unha solución de mans libres para o móbil, o que permitiría funcionalidades innovadoras que aínda están por desenvolver

PUBLICIDADE