Volante de luxo para Gran Turismo 5

luns, 27 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Os afeccionados aos xogos de condución que conten cunha PlayStation 3, o xogo Gran Turismo 5 e un alto poder adquisitivo, poderán gozar con grande realismo do último xogo de Polyphony Digital grazas ao novo volante con pedais Thrustmaster T500 RS, considerado coma o periférico oficial do xogo dirixido por Kazunori Yamauchi, e que o vindeiro 5 de xaneiro chegará ás tendas europeas a un prezo de 499,99 euros.
A este periférico non lle falta unha páxina en Facebook con preto de 600 seguidores, evidenciando que este tipo de produto ten os seus incondicionais, pois moitos xogadores buscan dun realismo nas súas partidas que só pode conseguirse con accesorios de luxo.
O Thrustmaster T500 RS ten unha grande precisión grazas ao uso da tecnoloxía HallEffect AccuRate (baseada en sensores magnéticos sen contacto cunha resolución de 16 bits), está dotado dun motor industrial para o seu mecanismo de force feedback, o seu ángulo de rotación pode axustarse ata os 1.080 graos (3 xiros completos), un volante real (substituíble en caso de futuras actualizacións) e pedais metálicos axustables en separación e altura cun peso de máis de 7 quilogramos (conseguindo unha boa estabilidade). Un produto redondo que algúns afortunados poderán gozar tras a noite de Reis.

O volante de Thrustmaster conta coa licenza de Gran Turismo 5 e PlayStation 3

PUBLICIDADE