Vodafone venderá a luz V16 conectada coa DGT incluíndo conectividade até 2037

mércores, 11 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano a galega Netun Solutions anunciou que chegara a un acordo con Vodafone para a comercialización do seu dispositivo de seguridade na estrada, a baliza conextada Help Flash IoT, que é o primeiro produto deste tipo que chega ao mercado cumprindo coas especificacións indicadas pola Dirección Xeral de Tráfico.
Aínda que estas luces conectadas non serán obrigatorias até 2026, actualmente poden substituír aos triángulos, polo que o seu uso está recomendado xa que evita os riscos propios da colocación dos triángulos na estrada. O lanzamento oficial de Help Flash IoT con Vodafone será o vindeiro venres, cando calquera usuario (aínda que non sexa cliente de Vodafone) poderá facerse cunha destas luces V16 por 49,95 euros (promoción que durará até finais de febreiro), mentres que os clientes de Vodafone terán a opción de pagar a prazos o dispositivo por 2,08 euros/mes durante 24 meses.
O dispositivo inclúe conectividade a través da rede de Vodafone durante 12 anos a partir da obriga de usar estas balizas, ou sexa, até 2037. A baliza pode conectarse coa aplicación Incidence App para facilitar a comunicación coa aseguradora ou emerxencias, aínda que non é preciso tal paso para que a propia luz notifique ao control de tráfico da DGT indicando a localización de xeito automático.

PUBLICIDADE