Vodafone trae a España o BlackBerry Passport

martes, 4 de novembro do 2014 Marcus Fernández

O smartphone para profesionais BlackBerry Passport sorprendeu chegando aos mercados norteamericano, británico, francés e alemán a finais de setembro cunha pantalla táctil cadrada de 4,5 polgadas e un teclado físico cunha anchura nunca vista nos terminais de BlackBerry, proposta que a primeira vista resulta moi rechamante, por parecer un dispositivo contraditorio, xa que combina os elementos clásicos dos smartphones da compañía, pero perde a posibilidade de empregarse cunha man polas súas excesivas dimensións (o enorme iPhone 6 Plus ten un ancho de 7,8 centímetros, mentres que o novo trebello de BlackBerry atrévese cunha largura de 9,03 centímetros.
Pero o curioso formato deste smartphone non parece asustar aos incondicionais de BlackBerry, que parecen conformes con este novo produto que por fin chega a España, xa que Vodafone vén de incluílo no seu catálogo de terminais para autónomos e empresas, facendo posible a súa compra a prazos por 15 euros/mes durante un par de anos dos que os 18 primeiros meses haberá que someterse a un compromiso de permanencia na tarifa contratada.
Lembremos que o BlackBerry Passport é un smartphone 4G cun procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,2 GHz, gráfica Adreno 330, 3 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 Gb), pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.440 x 1.440 píxeles, cámaras de 13 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, NFC, GPS, radio FM, batería de 3.450 mAh e BlackBerry 10 OS.