Vodafone é o primeiro operador móbil comprometido con Windows Phone 8

martes, 30 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Os móbiles Nokia Lumia 920 e 820 serán os pioneiros de Windows Phone 8

Onte pola tarde a plataforma móbil Windows Phone 8 oficializou a súa estrea, anunciándose que os primeiros móbiles co novo sistema operativo chegarían ao mercado europeo a finais da presente semana, sen detallar datas e países, aínda que agora podemos recorrer á páxina española de Windows Phone pasa saber se algún operador apostou pola distribución destes novos móbiles e parece que nun principio Vodafone vai ser o embaixador de Microsoft, pois achegará en exclusiva o HTC Windows Phone 8X, incorporando tamén ao seu catálogo os Nokia Lumia 920 e 820.

O HTC Windows Phone 8S aínda non confirmou a súa dispoñibilidade en España

Non coñecemos os prezos aos que o operador británico traerá estes atractivos móbiles no mes de novembro, pero debemos lembrar que estamos ante terminais de alta gama, liderados polo icónico Lumia 920, que cunha pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles, 32 Gb de almacenamento interno e cámara de 8.7 Mpíxeles con estabilización de imaxe óptica van converterse nun dos móbiles máis demandados, seguido polo HTC Windows Phone 8X, que cunha pantalla de inferior tamaño (4,3 polgadas) e cunha cámara de menor calidade (con 8 Mpíxeles e sen a tecnoloxía PureView de Nokia, pero cun grande angular que tamén resulta atractivo) consegue ser máis compacto, polo que sería a opción ideal para moitos que queiran un bo smartphone con Windows Phone 8 sen cargar cos 185 gramos do xigante de Nokia. Nun plano secundario quedaría o Nokia Lumia 820, que segue a ser un móbil de grande calidade, pero que ao deixar a resolución de súa pantalla de 4,3 polgadas nuns modestos 800 x 480 píxeles parece unha versión actualizada do Lumia 900 (terminal de referencia en Windows Phone 7.x).
No tocante aos prezos e datas de lanzamento, polo momento sábese que o HTC Windows Phone 8X chegará ao catálogo de Vodafone o 20 de novembro a prezos que van dende os 0 euros (con migración a unha tarifa @XL de 80 euros/mes) ata 449 euros (para alta nova na tarifa @XS8 de 15 euros/mes). Tamén estará dispoñible sen permanencia por 42, 28 ou 21 euros/mes durante 12, 18 ou 24 cotas respectivamente.
O resto de móbiles con Windows Phone 8 é de agardar que comecen a chegar ao mercado no mes de decembro.

PUBLICIDADE