Vodafone salienta as altas prestacións e o prezo competitivo do seu Smart 4G

martes, 29 de outubro do 2013 Redacción

A operadora Vodafone comezou esta derradeira semana de outubro anunciando o lanzamento dun novo trebello especialmente desenvolvido para tirarlle partido á tecnoloxía 4G, precisamente o tipo de tecnoloxía que nos vai permitir acadar as mellores taxas de navegación na Rede vía móbil (unha tecnoloxía que cómpre lembrar que Vodafone desprega arestora nas principais cidades do Estado, incluídas Vigo e Coruña). Pois ben, o trebello en cuestión non é outro que Vodafone Smart 4G, un smartphone Android 4G con altas prestacións e, segundo apunta a operadora, a un prezo económico.
Ademais, está deseñado para usuarios que se inician no uso de Internet. Vodafone Smart 4G inclúe unha pantalla táctil de alta definición de 4,5 polgadas, IPS, tecnoloxía NFC integrada para pagos co móbil, cámara de 8 Mpx. con flash LED e pódese usar, como sinalamos, coa rede 4G de Vodafone. Outras características son o seu procesador Quallcomm de 1,2 Ghz Dual Core, 1Gb de RAM, memoria ROM de 8Gb ampliábel con MicroSD, Wi-Fi, GPS e batería de 1880 mAh. O trebello está dispoñíbel en cor negra e permite acceder a Internet con velocidades de até 100 Mbps en descarga a través da súa conectividade 4G.
Jacobo Galvez, director de Mercadotecnia da Unidade de Negocio de Particulares de Vodafone España comenta con motivo deste lanzamento: “Vodafone Smart 4G é o dispositivo máis importante que comercializamos, un exemplo de como estamos a democratizar a conectividade 4G póndoa a disposición de todo o mundo”. Segundo fixo saber, o dispositivo permite conexión ultrarrápida a Internet, un gran rendemento “cunha pantalla fantástica”, e todo a un prezo que non ten precedentes. De feito, os clientes particulares poderán adquirir Vodafone Smart 4G desde esta semana por cero euros de custo inicial con calquera tarifa Base ou Vodafone RED.

PUBLICIDADE