Vodafone comeza a vender un smartphone de seu con pantalla de 6 polgadas

venres, 24 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Cada vez parece máis difícil distinguir os smartphones dos dispositivos que até o momento chamábamos tabletófonos ou phablets, xa que os terminais móbiles con pantallas de máis de 5 polgadas deixaron de ser algo extraordinario, que merecesen a súa diferenciación comercial, e os fabricantes incluso están a atreverse a lanzar dispositivos de 6 polgadas, como vén de facer a propia Vodafone, que estes días estrea en España o seu novo teléfono Vodafone Smart 4 Max, que pode adquirirse cun pagamento único de 269 euros, ou mediante cotas mensuais.
Estamos ante un smartphone 4G cunha pantalla IPS de 6 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon MSM8926 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb, cámaras de 13 e 2 Mpíxeles, Android 4.4, batería de 3.000 mAh, un grosor de 7,9 milímetros e un peso de 170 gramos, ou sexa, o que sería un tabletófono de gama media do que a súa principal carencia parece ser a súa pantalla, que pese a ter un grande tamaño, non chega a ser Full HD.

O novo smartphone de Vodafone aposta por un tamaño de pantalla bastante esaxerado (6 polgadas)

PUBLICIDADE