Vodafone comercializa móbiles da Disney

luns, 18 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Vodafone e a Disney presentaron en España o teléfono móbil Mini Disney D100, que combina unha estética infantil baseada en personaxes da popular compañía audiovisual con prestación de control destinadas ós pais, respondendo así ó feito de que a metade dos nenos españois de entre 8 e 13 anos teñan móbil.
O novo terminal é pequeno e robusto e destacan por non ter prestacións xa habituais como a cámara, a navegación pola Rede ou a conectividade Bluetooth, co que se pretende afastar ós cativos de contidos que os seus pais non consideren axeitados.
Os teléfonos Disney de Vodafone véndense con carcasas de Mickey Mouse, Piratas del Caribe, Minni Mouse e W.I.T.C.H., incluíndo tamén teclados intercambiables de 4 e 12 teclas para que cada pai decida o que é máis axeitado para o seu fillo.
Os pais tamén poden configurar o terminal mediante un código PIN para restrinxir o horario de uso do móbil (e a duración das chamadas), as persoas coas que se pode establecer chamadas ou as mensaxes SMS (que se poden eliminar o permitir só uns textos preconfigurados).
O prezo dos novos móbiles será de 89 euros en modo prepago e 0 euros para os clientes de contrato (para altas novas).

PUBLICIDADE