Vodafone achega 10 GB extra aos seus clientes prepago

mércores, 25 de marzo do 2020 S. P.

Seguen as iniciativas das operadoras para botar unha man durante o estado de alarma e garantir o tan prezado ben das telecomunicacións nos fogares e nas empresas. Segundo fixo saber esta semana a operadora, os clientes de Prepago de Vodafone contará cunha achega extra de datos de até 10 GB. Farano de xeito automático con cada renovación dos beneficios da súa tarifa, sen ter que activar nada. O obxectivo de Vodafone é garantir a conectividade de todos os seus clientes e ceibar aos de Prepago da preocupación de ficar sen datos para garantir as súas opcións de teletraballo, comunicación e información.
Como dixemos, esta promoción non ten custo e actívase de maneira automática. Os clientes só teñen que renovar o seu beneficio e, con cada renovación, recibirán 10 GB extra, non acumulábeis e válidos durante 28 días.
Outras medidas
Desde que comezou esta crise, Vodafone envorcou esforzos en mitigar os efectos das restricións e lanzou xa unha serie de medidas que se suman a esta promoción de 10GB. Estas foron algunhas as medidas:
· Dúas ducias de canles de entretemento, cinema, documentais e contidos infantís en Vodafone TV, tanto no seu descodificador como en dispositivos conectados (smartphone, tableta, PC, Smart TV, Chromecast).
· Datos ilimitados para clientes profesionais, autónomos, pequenas e medianas empresas (precisamente “aqueles segmentos que contan con menor infraestrutura tecnolóxica”) para asegurar que contan con capacidade para poder desenvolver a súa actividade en mobilidade e fomentar o teletraballo se o consideran preciso.

PUBLICIDADE