Vodafone, Telefónica e Orange comprométense a explorar o futuro do 5G en Galicia

martes, 6 de novembro do 2018 Redacción

Tal e como avanzou o presidente da Xunta hai un par de semanas, ponse en marcha o Nodo de Cooperación 5G para facilitar o desenvolvemento de solucións baseadas nesta tecnoloxía que dean resposta á necesidades concretas en ámbitos prioritarios para Galicia. A AMTEGA, Orange, Telefónica, Vodafone e o operador público Retegal asinaron hoxe un convenio de colaboración que plasma o compromiso dos tres operadores de telecomunicación de desenvolver un mínimo de 6 probas de concepto con tecnoloxía 5G entre 2019 e 2020.
A posta en marcha do Nodo é a primeira das medidas do Plan Galicia 5G para posicionar a Galicia como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas nesta tecnoloxía. O despregamento destas redes está vinculado a casos de uso e posibles aplicacións, segundo as directrices da Unión Europea.
Cada un dos operadores realizará un mínimo de 2 prototipos, baseados en 5G, para abordar problemas actuais en ámbitos de interese para Galicia. O operador público Retegal será o coordinador na execución destes prototipos, poñendo a disposición dos operadores as súas infraestruturas.
Os tres operadores desenvolverán solucións en polo menos seis dos doce ámbitos identificados como prioritarios para Galicia no Plan 5G como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación. O Nodo conta cun orzamento mínimo de 2 millóns de euros ata o 2020. Nos vindeiros meses concretaranse as primeiras propostas, que deberán ser validadas pola Comisión de Seguimento, polo que a previsión é que ao longo do vindeiro ano se vaian poñendo en marcha os primeiros prototipos
O Nodo de Cooperación 5G constitúese como punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia.

PUBLICIDADE