Vitae organiza en febreiro a 7ª edición do seu curso sobre liderado e xestión de equipos en proxectos áxiles
martes, 21 de xaneiro do 2025
Vitae Consultores preparou para febreiro unha nova edición, a sétima, do seu curso Liderado e xestión de equipos en proxectos TI áxiles, unha formación de dez horas de contidos prevista para os días 14, 21 e 28 de febreiro, en formato de aula virtual con clases en directo (e con posibilidade de acceder ás sesións gravadas para a súa consulta). Será novamente unha oportunidade para mellorar as nosas habilitades profesionais á fronte de proxectos tecnolóxicos, con independencia da súa complexidade. Segundo indica a consultora galega Vitae, con este curso contaremos con recursos para optimizar o rendemento e a comunicación dos nosos equipos de traballo, factor decisivo para acadar os mellores resultados nos nosos proxectos TI.
Estamos ante un curso concibido para atender as nosas necesidades actuais, diferentes xa das que había antes da pandemia: “O escenario mudou e precisamos afianzar e desenvolver as novas formas de traballar e aprender”. Neste contexto, sinala a consultora galega, o papel do líder así como das relacións entre os integrantes do equipo resulta fundamental para que os proxectos tecnolóxicos poidan acadar o éxito.
Vitae lembra que as organizacións dispoñen de coñecemento técnico, pero “no momento en que un profesional pasa a xestionar proxectos require dunha serie de habilidades para exercer a coordinación do equipo, a comunicación cara aos seus membros e cara aos seus responsábeis, evitar conflitos, etc”. Para a consultora galega, a xestión destes grupos de traballo é unha “parte nuclear” da xestión de proxectos, por iso os mellores líderes son os que contan “coas habilidades sociais precisas para a xestión de equipos”.
O curso está dirixido a calquera persoa que queira mellorar en liderado e en xestión de equipos TI (Tecnoloxías da Información).
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).