Vitae móstranos como ser os mellores líderes e compañeiros de equipos TI

martes, 7 de febreiro do 2023 S. P.

Vitae Consultores, a través da súa aula virtual, vai organizar nesta recta final do inverno unha actividade de gran interese para aprendermos a sacar o mellor de nós mesmos como profesionais, como compañeiros e como líderes no noso grupo de traballo empresarial. Trátase da cuarta edición do curso Liderado e xestión de equipos en proxectos TI áxiles, unha formación de dez horas de contidos prevista para os días 7, 9, 14 e 16 de marzo. Inclúese a opción para obter o Certificado Scrum Manager (75 PDA).
En palabras de Vitae, trátase dun curso concibido para atender as nosas necesidades actuais, diferentes xa das que había antes da pandemia: “O escenario mudou e precisamos afianzar e desenvolver as novas formas de traballar e aprender”. Neste contexto, sinala Vitae, o papel do líder, así como das relacións entre os integrantes do equipo, resulta fundamental para que os proxectos tecnolóxicos poidan acadar o éxito.
Vitae lembra que as organizacións dispoñen de coñecemento técnico, pero “no momento en que un profesional pasa a xestionar proxectos require dunha serie de habilidades para exercer a coordinación do equipo, a comunicación cara aos seus membros e cara aos seus responsábeis, evitar conflitos, etc”. Para a consultora galega, a xestión destes grupos de traballo é unha “parte nuclear” da xestión de proxectos, por iso os mellores líderes son os que contan “coas habilidades sociais precisas para a xestión de equipos”.
O curso está dirixido a calquera persoa que queira mellorar en liderado e en xestión de equipos TI (Tecnoloxías da Información).
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE