Vitae mostra as chaves para unha óptima selección de profesionais TI
martes, 12 de setembro do 2017
Vitae
Consultores quere que as nosas empresas e profesionais se acheguen o
máximo posíbel ás correntes da avaliación de profesionais máis
innovadoras, correntes que pasan (si ou si) polo autocoñecemento e o
autorecoñecemento como primeiro elo da cadea de selección. Nesta
liña insírese a oitava edición do Curso
Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas
na Neurociencia (PDF), que Vitae organiza os vindeiros días (23,
24, 30 e 31 de outubro, en horario de 16.00 a 21.00 horas) no Hotel
Attica 21 Coruña. A actividade, que terá unha duración de 20
horas, está especialmente dirixida a directores de proxectos e
profesionais de recursos humanos. Proporcionaralles 18 PDU (Unidades
de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés
Professional Development Unit)
a validar polo PMI (Project Management Institute).
O
curso, segundo explica Vitae Consultores, pretende contrarrestar unha
das principais eivas dos modelos de análise profesional máis
estendidos, que non adoitan capacitar aos axentes de avaliación coas
ferramentas psicolóxicas básicas para estimar que tipo de talentos
ten un profesional. “Isto”, sinala a consultora galega, “implica
que toda metodoloxía falle, pois fallou previamente o alicerce da
mesma, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para
esta tarefa”. En base a este punto, explica Vitae, o primeiro paso
para calibrar a outro profesional será aprender a calibrarnos a nós
mesmos. “Coñecéndonos deste xeito acadaremos meirande
obxectividade na avaliación doutras persoas”, sinalan dende a
consultora, engadindo que neste curso subministraranse as ferramentas
e recursos máis indicados para lograr o autocoñecemento e para o
exame doutros profesionais, sexa cal sexa o modelo de avaliación do
desempeño do que se bote finalmente man.
Para
Vitae, é unha realidade incontestábel que o sector das novas
tecnoloxías da información (o sector TI) demanda cada vez máis
profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral, o que xera
tensións nas empresas en canto a dar cumprido cos compromisos
profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu e en controlar
os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O
curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que facer, máis
que na eficiencia, en como facer, para seleccionar candidatas/os e
avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza
de traballadores, aínda que ambas as facetas, a eficacia e a
eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos de selección e
avaliación”.
En
definitiva, neste curso proporcionarase un método e unhas
ferramentas coas “que se conseguiu unha porcentaxe de éxito de
máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís
técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento
de negocio e perfís de alta dirección”, informan os organizadores
do obradoiro.
O
curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres
décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías
e os recursos humanos.