Vitae impulsa a transformación das empresas cun curso sobre mercadotecnia dixital

martes, 1 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores vai achegarnos este outono formación específica sobre como promover a nosa empresa e os nosos produtos a través dos servizos tecnolóxicos: redes sociais, páxinas web, blogs, comunidades, medios de comunicación online e demais vieiros propicios para o que se coñece como nova mercadotecnia. Estamos a falar do Curso Marketing Dixital: da venda tradicional ao eCommerce, que se presenta como unha ocasión inmellorábel para adiantarnos a un proceso para o que, de xeito inevitábel, imos ter que estar preparadas/os cos máis avanzados recursos (o proceso de evolución dende as metodoloxías comerciais previas a Internet cara a un mundo onde a Rede estará integrada ao cen por cen na nosa vida). O curso, de dez horas, celébrase os días 25 e 26 de outubro na Coruña.
Trátase, como dixemos, dunha actividade con coñecemento útil para afrontar transformacións, retos e cambios que nos atinxen a todas e todos. Segundo conta Vitae, “as relacións e reaccións do mundo online non teñen nada que ver coas do eido offline, polo que traspasar dinámicas deste escenario ao escenario dixital dista moito de ser unha fórmula axeitada”. Trátase de dous intres moi distintos, polo que entendermos o consumidor online, os seus impulsos de compra e as súas compras por sinerxía son claves para aplicar todo o coñecemento de produto a unha mellora de resultados. “Aproximarnos a este consumidor, á súa mente e ás súas necesidades son claves para mellorar a nosa venda en liña”, explica Vitae, engadindo que os obxectivos do curso son os que citamos de seguido:
· Entender as diferenzas entre a tenda tradicional e a tenda dixital.
· Comprender as claves que poden axudar na venda online.
· Aprender estratexias para organizar accións de venda en liña.
· Adaptalas ao noso propio negocio ou sector.
A encargada de impartir os contidos será Verónica Ramallal Trevín, licenciada en Comunicación Audiovisual e Mestrado na Escola de Medios pola UDC e La Voz de Galicia. No seu currículo atesoura máis de 12 anos de experiencia profesional no sector da comunicación especializándose na mercadotecnia dixital e as redes sociais. A día de hoxe está á fronte de varias empresas adicadas en exclusiva ao marketing en liña e as iniciativas de mercado 2.0.

PUBLICIDADE