Vitae fórmanos nas posibilidades do noso cerebro para o ámbito profesional

mércores, 11 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Partindo da base de que nós os profesionais e o coñecemento que xeramos somos o principal activo dunha empresa, case é de obriga que haxa metodoloxías e técnicas para adestrar as nosas capacidades. Delas depende, de feito, o éxito dunha iniciativa innovadora no seo dunha firma. Nisto ten moito que dicir o noso cerebro, que é un dos eidos de investigación máis importantes deste século e de boa parte do anterior. O seu funcionamento aplicado á ciencia ten capacidade para curar doenzas, mellorar os procesos educativos e, por suposto, optimizar empresas. Vitae Consultores quere botarnos luz sobre todo isto e por iso vai organizar o 11 e o 12 de maio, no Hotel Attica 21 da Coruña, o curso Neurociencia: Bases Neurocientíficas da Motivación e a Emoción aplicada á empresa.
O obradoiro, de oito horas, está deseñado para “que entendamos en que consiste a motivación e a moción, como funcionan e como se manifestan no noso día a día. O enfoque da actividade formativa, engade Vitae, pretende que aprendamos de maneira sintética e rigorosa como traballa o noso cerebro ante os estímulos, o que nos permitirá elaborar un pensamento crítico e unha opinión propia sobre estes temas dende unha perspectiva biolóxica.
Segundo lembra a consultora, o alicerce do curso está nas moitas posibilidades que ofrecen a motivación e emoción para unha/un profesional dun ámbito innovador e creativo. Estas posibilidades tenden sempre cara ao positivo e o rendíbel e buscan, en circunstancias saudábeis e confortábeis, o benestar persoal e a autorrealización, con todo o de frutífero que teñen estes estados de ánimo para as empresas. Nos últimos anos, a neurociencia e psicoloxía desenvolveron teorías que procuran comprender as claves dun dos grandes misterios da ciencia: como funciona o noso cerebro. “Estes avances”, explica Vitae, “permitiron elaborar modelos que achegan un valor moi significativo e innovador ás diferentes áreas que compoñen o noso sistema de organización socioeconómico”.
En base ao devandito, neste novo curso da consultora galega mostrarásenos un marco actualizado das ditas cuestións, axudándonos a comprender como funciona o noso entendemento ante situacións como a emoción ou o estres, ou como se axusta a nosa motivación ao contexto cotián (e elaborar logo estratexias para decidirmos os pasos a seguir ou entender os nosos propósitos actuais).
A persoa encargada de impartir o obradoiro é Iván Ballesteros, biólogo e doutor en Farmacoloxía e Terapéutica Humana pola Universidade Complutense de Madrid. Ballesteros é investigador no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC, Madrid), profesor de Neurociencia no Curso Experto Universitario en Intelixencia Emocional da Universidade da Rioxa, e no Máster en Adestramento de Imaxe (Domingo Delgado, Madrid). É co-autor do libro Hazte experto en Inteligencia Emocional.

PUBLICIDADE