Vitae convértenos en expertos en probas de aplicacións botando man de Cypress

mércores, 23 de xuño do 2021 S. P.

Vitae Consultores, a través da súa aula virtual, ofrece este verán acabado de chegar (os días 6, 8, 13 e 15 de xullo) o Curso Testing e2e avanzado con Cypress, de doce horas de formación. Trátase dunha actividade formativa que nos pon ao alcance da man importantes mecanismos para axilizar as nosas tarefas de desenvolvemento TIC.
Segundo informa a consultora galega, trátase dun curso completo para automatizar unha parte fundamental do noso traballo: as probas de aplicacións web. En palabras de Vitae, é nese punto onde comeza a garantía de calidade dun proxecto.
O curso pon o foco en Cypress, un recurso do que podemos botar man para definir e executar os tests de maneira cómoda e sinxela.
Os obxectivos desta actividade formativa son configurar e executar probas con Cypress, simular interaccións de usuario complexas, traballar con servizos de datos remotos e integrar ferramentas.
O curso sobre testing avanzado con Cypress está dirixido principalmente a programadores de aplicacións web con experiencia. É válido para Angular, ASP.net, Java, PHP, React ou Vue, entre outros recursos. Impartirase en modalidade de aula virtual con clases en directo.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE