Vitae adestraranos na creación dos mellores equipos de profesionais TIC

mércores, 27 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Quen queira unha oportunidade para avanzar no camiño de facerse co mellor equipo profesional, vai tela os vindeiros días da man de Vitae Consultores, grazas á nova edición (a número 13) do seu Curso de Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI): un obradoiro formativo que nos mostra como explotar ao máximo o noso talento para formar os máis axeitados grupos profesionais para as nosas empresas.
A actividade está novamente encamiñada a directores de proxectos e profesionais de recursos humanos. Terá unha duración de 20 horas e celébrase en catro xornadas, os días 5, 6, 12 e 13 de abril en Vigo, no Centro Social Fundación Abanca (rúa Policarpo Sanz, 24-26).
Respecto das orixes e os porqués do obradoiro, Vitae recorda que nas contornas académicas e empresariais actuais existe un baleiro en materia de capacitación de profesionais cos coñecementos e psicoloxía precisos para calibrar o talento das demais persoas que ten ao seu arredor, neste caso posíbeis candidatos para unha empresa ou proxecto TIC, ou non TIC. “Isto”, explica a consultora galega, “leva a que falle todo o modelo de exame, pois falla o alicerce do mesmo, é dicir, que quen avalía non foi formado nin capacitado para isto”.
O obradoiro abordará, nun comezo, a importancia do autocoñecemento para calibrarmos a outro profesional: trátase do primeiro paso fundamental para desenvolver este labor e acadar a máxima obxectividade. “Neste curso”, engade Vitae, “fornecerase aos avaliadores das ferramentas precisas para o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se empregue”.
A consultora tamén lembra que “o sector tecnolóxico-dixital demanda arestora máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral e isto xéralles tensións ás empresas en canto a cumpriren os compromisos profesionais en calidade de prazo cos seus clientes e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos”. O devandito curso céntrase en axudarnos a superar as ditas tensións.
Máis polo miúdo, envórcase na eficacia (“en que facer, máis que na eficiencia”) para seleccionar candidatos e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de profesionais, “aínda que ámbalas facetas, a eficacia e a eficiencia”, sinala Vitae, “son precisas para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
En definitiva, o obradoiro fornecerá un “método e unhas ferramentas coas que se teñen acadado porcentaxes de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, explican dende Vitae, engadindo que o reto para os ditos procesos de escolma e análise é “ter un criterio para saber en que aspectos ceder e en cales non ceder na contratación dunha ou dun candidata/o ou na promoción dun dos nosos profesionais”.
O curso vai dirixido a directores e xefes de proxectos, xerentes ou profesionais de recursos humanos ou ben a calquera profesional que desexe adquirir as habilidades e os coñecementos para a selección e avaliación tanto de perfís tecnolóxico-dixitais como de calquera outro sector.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.

PUBLICIDADE