Vitae achéganos unha nova edición do seu curso sobre liderado e xestión de equipos en proxectos áxiles
mércores, 4 de setembro do 2024
Vitae Consultores vai comezar o curso cunha nova actividade formativa de gran potencial para axudarnos a acadar maior excelencia profesional. E non só en relación á nosa propia actividade laboral senón tamén (e sobre todo) en relación aos nosos equipos de traballo. Estamos a falar da sexta edición do curso Liderado e xestión de equipos en proxectos TI áxiles, unha formación de dez horas de contidos prevista para os días 4, 11, 17 e 18 de outubro de 2024. Inclúese a opción para obter o Certificado Scrum Manager (75 PDA).
Segundo explican dende Vitae Consultores, estamos ante un curso concibido para atender as nosas necesidades actuais, diferentes xa das que había antes da pandemia: “O escenario mudou e precisamos afianzar e desenvolver as novas formas de traballar e aprender”. Neste contexto, sinala a consultora galega, o papel do líder así como das relacións entre os integrantes do equipo resulta fundamental para que os proxectos tecnolóxicos poidan acadar o éxito.
Vitae lembra que as organizacións dispoñen de coñecemento técnico, pero “no momento en que un profesional pasa a xestionar proxectos require dunha serie de habilidades para exercer a coordinación do equipo, a comunicación cara aos seus membros e cara aos seus responsábeis, evitar conflitos, etc”. Para a consultora galega, a xestión destes grupos de traballo é unha “parte nuclear” da xestión de proxectos, por iso os mellores líderes son os que contan “coas habilidades sociais precisas para a xestión de equipos”.
O curso está dirixido a calquera persoa que queira mellorar en liderado e en xestión de equipos TI (Tecnoloxías da Información).
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).