Vitae achéganos en novembro unha nova edición do curso de xestión con PMI 6
mércores, 9 de outubro do 2019
No
éxito dunha empresa hai unha parte de cousas decisivas que non se
poden nomear nin concretar e que teñen que ver co que é máis ou
menos impredicíbel (esa marxe da realidade ordenada que sempre nos
sorprende). Porén, unha parte dos ingredientes que levan ao éxito
si que son definíbeis e cuantificábeis. Por exemplo as metodoloxías
profesionais para garantir a claridade dos conceptos, dos procesos e
dos obxectivos e, tamén, unha boa organización dos recursos postos
en xogo. Isto garante que cheguemos a bo porto? Está claro que non,
pero axuda moito.
A
parte máis avanzada destas fórmulas (fórmulas para asegurar
fluidez, seguridade, eficiencia, eficacia, sinxeleza e comodidade)
vai quedar ao descuberto os días vindeiros co
curso de Vitae Dirección e Xestión de Proxectos baixo a Metodoloxía
PMI 6, que chega este mes de novembro á súa 18 edición.
A
nova edición do dito curso vaise celebrar na Coruña (Hotel Attica
21) os días 8, 9, 15, 16, 22, 23 e 29 de novembro. O curso é válido
para o exame de Certificación PMP do PMI. Serán 35 horas de sesións
de adestramento teórico pero sobre todo práctico.
Segundo
informa Vitae acerca da orixe e os obxectivos da actividade
formativa, esta ten o seu punto de partida na necesidade de
contrarrestar unha das grandes eivas do noso tempo en materia
laboral: a complexidade que adquire calquera proxecto que acometamos
no ámbito das novas tecnoloxías e a innovación en xeral.
A
respecto do devandito, a consultora lémbranos as condicións
desfavorábeis veñen por factores externos (crise económica,
conflitos sociais, cambios políticos, normas e regulamentos cada vez
máis restritivos) e tamén por condicionantes internos, por exemplo
unha meirande presión para o cumprimento de obxectivos, a procura
constante dunha meirande eficiencia (obter máis con menos elementos
en xogo), a limitación de recursos ou procura a tempo completo de
novos mercados e áreas de negocio.
Tendo
en conta todo o que se acaba de sinalar, explica Vitae, “os
proxectos non só se volven máis difíciles de levar a cabo, senón
tamén máis incertos; sendo a incerteza un factor que pode impactar
de maneira moi negativa na consecución do éxito dunha iniciativa
empresarial, xa sexa introducindo adiamentos, sobrecustes ou
corrupción do alcance”, o que nos obriga a ter en conta, ademais,
“a desmotivación dos membros da organización, a insatisfacción
por parte dos clientes así como o deterioro da imaxe externa da
organización”.
Sexa
como sexa, as boas prácticas recoñecidas internacional para a
dirección de proxectos, axudan e moito. Por exemplo achegando un
meirande nivel de certidume, ao fornecer aos profesionais que
desempeñan o rol de directores de proxecto dunha visión máis ampla
sobre as iniciativas nas que traballan, precisa para entender como se
interrelacionan co resto da organización e axudar na consecución
dos obxectivos estratéxicos. Neste senso, Vitae engade que “a
certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de
valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente
de proxectos debe considerase como unha competencia estratéxica das
empresas, xa que lles permite competir de maneira máis rendíbel e
áxil nos seus mercados, sustentar á organización e responder ás
consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a
cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a
optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a
actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para
quen non o saiba, a PMI (Project Management Institute) é a
organización máis recoñecida a nivel internacional na disciplina
da dirección de proxectos. Está integrada por máis de 600.000
profesionais de todo o mundo, expertos na xestión de iniciativas,
con independencia do tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples
sectores industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas
aplicadas e postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e
avaladas por milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en
miles de traballos de todos os ámbitos”.
En
termos máis concretos, o PMI acredita aos profesionais na dirección
de proxectos co certificado PMP (Project Management Professional), o
cal goza dun alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como
profesional altamente cualificado e demandando, na medida en que
aporta un coñecemento moi detallado para a dirección de
iniciativas, anticipando problemas, xestionando proactivamente a
incertidume e aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A
persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real,
licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de
ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do
Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de
iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste
ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de
xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de
adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas,
formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión
avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone,
Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de
Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.