Vitae achega en maio a 2ª edición do seu curso sobre dirección e xestión de proxectos con PM2

martes, 28 de marzo do 2023 S. P.

Vitae Consultores vai desenvolver nesta primavera de 2023 unha actividade formativa de especial interese para quen queira dar novos pasos en excelencia profesional no ámbito tecnolóxico, máis en concreto no ámbito do desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos avanzados. A actividade en cuestión non só servirá de axuda aos asistentes para optimizar o seu dia a día senón para garantir o éxito de cada proxecto. Estamos a falar da segunda edición do curso Dirección e xestión de proxectos baixo a metodoloxía PM2. Desenvolverase en formato de aula virtual os días 8, 9, 10 e 11 de maio. Terá 10 horas de duración.
O curso, a un nivel xenérico, cubrirá unha metodoloxía de xestión desenvolvida e soportada pola Comisión Europea. O cometido non é outro que facer accesíbel aos equipos de proxectos unha forma efectiva de traballar en TI.
Segundo informa a consultora galega Vitae, PM2 aporta un contido “sinxelo e doado de aplicar en calquera tipo de proxecto” a través dunha ferramenta que foi desenvolvida para adaptarse ás necesidades específicas, a cultura e as restricións das institucións e administracións públicas europeas. Ademais, incorpora elementos de boas prácticas, estándares e metodoloxías globalmente aceptadas. Os obxectivos principais do curso son os seguintes:
·Dar a coñecer e consolidar o coñecemento sobre a metodoloxía de xestión de proxectos que a CE creou para as súas institucións e provedores das mesmas.
· Preparar ás persoas asistentes no uso dos distintos artefactos (modelos, documentos, rexistros) que PM2 prové xunto co corpo de coñecemento.
O curso está dirixido a profesionais con experiencia na xestión de proxectos e servizos, a responsábeis de unidades de negocio, directivos e empresarios que desexen adquirir unha visión consolidada da dirección de proxectos.
Tamén está dirixido a perfís con menos experiencia profesional que queiran desenvolver a súa carreira profesional nesta área da xestión.
A persoa encargada de impartir os contidos será Javier Rosa, enxeñeiro industrial pola Universidade Carlos III de Madrid. A día de hoxe é director de Servizos e director técnico en Media Markt, e dirixe unha empresa de consutoría especializada en dirección de proxectos, implantación de sistemas de xestións por procesos, outsourcing e formación.

PUBLICIDADE