Vitae Consultores prepáranos para a obtención do certificado PMP
martes, 4 de xuño do 2019
Vitae
Consultores vai organizar os vindeiros unha actividade formativa que
nos adestra con vistas á obtención do certificado PMP, un
recoñecemento que acredita a nosa capacidade para levar todo tipo de
proxectos tecnolóxicos e innovadores a bo porto. Para quen non o
saiba, PMP son as siglas de Project Management Professional
(Profesional en Dirección de Proxectos), acreditación emitida polo
PMI (Project Management Institute - Instituto da Xestión de
Proxectos). En palabras de Vitae, “a certificación PMP acredita a
persoas e xera impactos directos de valor nas organizacións”, xa
que a dirección eficaz e eficiente de proxectos é “unha
competencia estratéxica das empresas, ao permitirlles competir de
maneira máis rendíbel e áxil nos seus mercados”.
Amais,
capacita ás empresas para un mellor sustento da organización e para
responder ás consecuencias dos cambios na contorna de negocio,
“axudando a cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis
predicíbeis, a optimizar o emprego de recursos da organización e,
en xeral, a actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
O
curso, de 10 horas, celebrarase na Coruña (Hotel Attica 21) os días
5 e 6 de xuño. Basicamente, a través desta acción formativa porase
ao alcance dos participantes a preparación precisa para
desenvolveren con éxito un simulacro de exame PMP que lles permita
acudir a unha proba real coa máis óptima capacitación. O curso, ao
fío do devandito, incluirá un exame de 200 preguntas a xeito de
proba de adestramento.
Os
obxectivos son os seguintes: simular as condicións en que nos
atoparemos no exame real, poñendo o foco nas catro horas de
concentración e rendemento que se esixen; comprobar o nivel de
coñecemento que posuímos nos ditos eidos; identificar as áreas que
requiren un repaso adicional pola nosa parte; adquirir os últimos
trucos e recomendacións para presentarnos á proba real coa mellor
preparación; axudar a enfocar o proceso de estudo cara o exame real;
aclarar calquera tipo de dúbida relacionada co contido do PMBOK
sexta edición e o proceso de solicitude de exame.
O
curso está dirixido a aquelas persoas que xa teñan asistido a unha
actividade de preparación PMP e queiran comprobar o seu nivel de
coñecemento co obxectivo de presentarse ao exame real a curto prazo,
como para aquelas persoas que, tendo asistido hai pouco ao curso de
preparación, queiran desenvolver un plan de estudo axeitado para
encarar a proba real a medio prazo.
A persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real, licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas, formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone, Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.