Vilagarcía lanza o Programa de Transformación Dixital para o pequeno comercio local
xoves, 18 de xullo do 2024
A Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía de Arousa lanzou esta semana o Programa de Transformación Dixital do Pequeno Comercio, que presentou nos seus detalles este mércores 17 de xullo. A iniciativa ten como obxectivo modernizar e mellorar a competitividade do sector a través da implantación e optimización de estratexias de dixitalización nos establecementos comerciais e postos de venda dos mercados e prazas de abastos do municipio.
Para acadar esta meta, o plan ofrecerá servizos de asesoramento personalizado a cada establecemento, servizos adaptados, informou o Concello, “ás peculiaridades do sector en Vilagarcía, onde os negocios tradicionais conviven con franquías nacionais e internacionais nas que a dixitalización está moito máis implantada e desenvolvida”.
Na presentación participaron as e os responsables de todo tipo de establecementos e sectores, que puideron coñecer polo miúdo os servizos que contempla o progarma, duración e liñas de actuación. A xornada completouse cunha charla sobre a dixitalización do pequeno comercio da man de Miguel Ángel Souto, director comercial e de mercadotecnia de marcas premium.