Vilagarcía achega unha nova quenda de cursos de inclusión e capacitación dixital

mércores, 22 de marzo do 2023 S. P.

Unha nova edición dos cursos de Inclusión e Capacitación Dixital impartiranse no centro de Matosinhos até o mes de novembro por parte da Concellería de Formación e Emprego. Os cursos están encamiñados a calquera persoa de Vilagarcía maior de 18 anos. A participación é de balde e os interesados deben inscribirse de xeito presencial acudindo ao centro de formación de Matosinhos de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. Alí poderán elixir a actividade ou actividades que lle interesen e fixar a súa dispoñibilidade horaria, xa que se farán quendas de mañá ou de tarde en función das necesidades dos participantes.
Estamos a falar de 17 accións formativas diferentes, divididas en cinco bloques temáticos adaptados aos diferentes niveis de coñecemento e manexo das novas tecnoloxías do alumnado. Están pensadas tanto para romper a brecha dixital e facilitar o uso cotiá dos medios dixitais ás persoas que por falta de coñecementos ou medios non saben desenvolverse nelas, como para avanzar máis aló ofrecendo a formación necesaria para a procura e mellora de emprego.
Cristina Parracho, voceira da consultora que imparte os cursos, explicou que os contidos van variando, desta volta a formación complétase co uso dos dispositivos móbiles: “Trátase de que calquera persoa saiba pedir cita no médico a través do teléfono, ou ver o seu expediente médico, ou solicitar un certificado a unha administración, cousas moitas das cales xa só se poden facer de xeito dixital”.
Así, estes cursos están dirixidos ás persoas que carecen de coñecementos e experiencia no uso dos medios dixitais. Inclúe catro cursos básicos que lles permitirán navegar e realizar as tarefas e os trámites máis comúns no día a día: son o curso de Iniciación á informática e internet para adultos; o de Correo electrónico: webmail; o de Seguridade na rede e o de Inclusión dixital en dispositivos móbiles. A primeira das actividades ten unha duración de 30 horas lectivas e as restantes 15.
Alén disto, estas actividades formativas queren avanzar no nivel de coñecemento, con accións que permitirán ao alumnado manexar procesador de textos e follas de cálculo, así como elaborar presentacións en software libre. Os catro cursos que se inclúen impartiranse en nivel de iniciación e nivel avanzado, en función dos coñecementos previos dos asistentes.
As actividades previstas son o curso de Procesador de textos, Folla de cálculo, Elaboración de presentacións e Bases de datos. Todas elas contan con 30 horas lectivas.
Cunha perspectiva encamiñada ao ámbito laboral, o programa inclúe neste bloque temático un curso sobre Redes sociais e procura de emprego e outro sobre Deseño dun perfil profesional. A primeira actividade ten unha duración de 30 horas e a segunda 15.
As persoas que xa operan con soltura cos medios dixitais tamén dispoñen de oferta formativa a través deste programa con cursos como o de Deseño de páxinas web con Wordpress, Deseño de contidos interactivos: Canva e Genially; Sincronización de dispositivo de control parental; Retoque fotográfico e Cloud Computing.
Engadir que se inclúe un último bloque temático centrado na administración electrónica mediante o uso das distintas ferramentas que se necesitan. Así, impartirase un curso sobre: Uso do DNI-e/ Chave, PIN, e certificados dixitais e outro sobre Trámites electrónicos e E-Administración. Cun apartado específico destinado á sede Electrónica do Concello de Vilagarcía.

PUBLICIDADE