Vigo intégrase na rede global de FabLabs

mércores, 7 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

A rede global de FabLabs, un importante tecido formado arestora por case 60 laboratorios oficiais de emprendedores (arredor de 15.000) repartidos por todos os recantos do mundo (argallando e producindo todo tipo de enxeños tecnolóxicos coma se de pequenas pero eficaces industriais locais se tratasen), comeza a ter presenza firme e ampla na nosa terra. E tena a través dun obradoiro acabado de integrarse oficialmente na devandita rede, e máis de outros que farano en breve. Estamos a falar de FabLab Vigo, que á súa vez forma parte da Rede de FabLabs Galegas. Segundo nos contan dende a factoría viguesa, a súa filosofía baséase en “democratizar as novas tecnoloxías dando a oportunidade á xente sen coñecementos en electrónica de poder utilizar estas ferramentas de maneira doada e de balde”.
O espazo FabLab Vigo, logo da súa integración na rede internacional, quere coller voo e ir ampliando fileiras e mesmo fortalecendo as bases para o impulso de outras factorías FabLab galegas en proceso de desenvolvemento. En breve organizarán un campamento infantil gratuíto no museo MARCO de Vigo e comezarán, tamén, as súas primeiras sesións arredor das CoffeLabs, que son cafetarías con impresoras 3D para que, nas súas palabras, a xente poida avanzas no seu coñecemento práctico destas técnicas de impresión.
Segundo nos contan os impulsores de FabLab Vigo, no seu ideario básico figura o de ir en contra de calquera localismo. Por esta razón están a impulsar a Rede Galega de FabLabs e as vindeiras sedes de Pontevedra (Facultade de Belas Artes), Ourense (A Molinera), Santiago (Matadoiro) e Lugo (Centro de Artesanía e Deseño).

PUBLICIDADE