Vigo habilitará unha ruta interactiva sobre as súas “apoteósicas” festas de Nadal

xoves, 5 de agosto do 2021 S. P.

O Nadal en Vigo, se atendemos ao relatado este 4 de agosto polo acalde Abel Caballero, non só será “un Nadal apoteósico”, senón un Nadal innovador e tecnolóxico. Así, amais das 11 millóns de luces LED en 350 rúas coas que o Concello quere seguir retando en luminosidade e ambiente festivo ás cidades máis populosas do planeta (incluída, por suposto, a de Nova York), Caballero anunciou unha ruta interactiva específica do Nadal vigués á que poderemos ter acceso a través da aplicación Vigo para dispositivos.
Será, dixo, un itinerario para non nos perder detalle algún sobre os motivos do Nadal “que estarán por toda a cidade”. Por exemplo os 3.000 arcos de luz previsto, a bola luminosa na Farola de Urzáiz, a caixa de regalo no cruce con Gran Vía, a “árbore máis alta do mundo”, a noria e o mercadiño navideño.
Respecto do gasto previsto e das posíbeis críticas pola enerxía investida, explicou que as luces de Nadal LED da cidade “consumen menos en tres meses de alumeado que un campo de fútbol de 30.000 espectadores na súa actividade ordinaria nun mes de xaneiro”.

PUBLICIDADE