Verónica Bolón, María Baamonde e Fernando De Llano poñen en marcha a edición 2024-2025 de Inspira STEAM
mércores, 9 de outubro do 2024
As investigadoras do CITIC Verónica Bolón e María Baamonde e o profesor da Universidade da Coruña Fernando De Llano, poñen en marcha unha nova edición do proxecto Inspira STEAM 2024-2025 na Coruña. Este programa, pioneiro en España, ten como obxectivo principal fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as rapazas, para reducir a fenda de xénero nas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).
Búscanse mentoras/es
Segundo explicaron, o proxecto Inspira STEAM está neste intre buscando mentoras, mentores e centros educativos que desexen participar na edición 2024-2025. Para participar, as persoas e centros interesados poden rexistrarse na intranet do programa e activar a súa inscrición antes do 15 de outubro de 2024.
As persoas mentoras terán a oportunidade de desenvolver 6 sesións de mentoring cun grupo de entre 8 e 15 estudantes de 6º de Primaria ou 1º de ESO, en horario lectivo durante o curso académico. Recibirán unha formación online de 5 horas para preparar estas sesións e contarán con todo o material necesario.
Unha necesidade urxente de referentes femininos e igualdade nas STEAM
Dende o equipo de Inspira STEAM engaden que estudos recentes, como os datos de Eustat – Confebask, evidencian que as vocacións nas disciplinas de Ciencia, Tecnolóxica, Enxeñaría, Arte e Matemática están diminuíndo, especialmente entre as rapazas. De feito, nos últimos 4 anos houbo un descenso do 16,6% nas matriculacións en estudos STEAM, onde só o 9% do alumnado de Formación Profesional e o 31% do universitario son mulleres. “Esta situación require unha intervención que ofreza referentes femininos próximos que sirvan de inspiración para as mozas, para que vexan as súas capacidades e non descarten estas carreiras por descoñecemento ou inseguridade”, explican.
Inspira STEAM busca visibilizar ás mulleres científicas e tecnólogas, romper estereotipos e promover unha maior diversidade nos equipos profesionais. Así mesmo, é esencial a participación de homes como mentores, que tamén axuden a concienciar aos mozos sobre a importancia da igualdade nas ciencias e tecnoloxías.