Ve a luz o Samsung Galaxy S5 Mini

martes, 1 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Para atender á demanda de novos smartphones sen ter que entrar na gama dos tabletófonos, Samsung presenta oficialmente o seu Galaxy S5 Mini, que en vez de optar polas esaxeradas 5,1 polgadas de pantalla do seu irmán maior, opta por unha pantalla Super AMOLED de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, o que xa serve para adiantar que estamos ante un dispositivo que non só é máis cativo, senón cunhas prestacións considerablemente inferiores.
Dende Samsung inciden en que o novo móbil achega unha experiencia de uso semellante ao Galaxy S5, aínda que a semellanza parece limitarse á aparencia exterior, ao software que inclúe, o pulsímetro integrado e á súa resistencia á auga (con certificación IP67).
O Galaxy S5 Mini funciona cun procesador de catro núcleos a 1,4 GHz, 1,5 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 64 Gb), cámaras de 8 e 2,1 Mpíxeles, Wi-Fi N, NFC, función de mando a distancia infravermellos, lector de pegadas dixitais, pulsímetro, batería de 2.100 mAh, un grosor de 9,1 milímetros e un peso de 120 gramos; operará con Android 4.4 (incluíndo o software de S Health e a posibilidade de gozar dun modo infantil) e terá versión con conectividade LTE. Chegará nos vindeiros días ao mercado ruso, para distribuírse logo polo resto do mundo, vendéndose inicialmente con carcasas de cor negra, branca, azul ou cobre.

PUBLICIDADE